Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

Sobre o autor


Henrique Torreiro

Ourense, 1972
htorreiro[arroba]gmail.com

Licenciado en Historia pola Universidade de Vigo, realizou os cursos de doutoramento na mesma universidade e obtivo o Recoñecemento de Suficiencia Investigadora.

Profesionalmente, desempeñou entre 2008 e 2015 labores de secretaría técnica na Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), coa que mantén colaboración. Entre 2008 e 2012 foi xerente da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP).

Foi socio fundador das empresas ourensás Aira Iniciativas Culturais, SL (na cal traballou entre 2000 e 2004, data da súa disolución) e Difusora de Letras, Artes e Ideas, SL (entre 2001 e 2007). En ambas, dedicadas a actividades de tipo cultural, realizou labores de coordinación e desenvolvemento de proxectos e de xestión xeral. No caso da Difusora, principalmente en relación coa edición de libros. Mantén a súa relación coa edición de libros en facetas como a preparación e corrección de textos para diversas editoriais; é membro da asociación profesional de correctores, UniCo.

Tamén traballou, entre 2000 e 2005, no Festival Internacional de Cine de Ourense, como coordinador en tres edicións, e con outras actividades (como a realización do catálogo do festival) nas outras dúas.

Foi organizador das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense desde 1992 até 2010, e da programación cinematográfica do Cineclube Padre Feijoo (que presidiu entre 2005 e 2011) desde 1995 até 2011. Foi membro da comisión organizadora da Bienal da Caricatura de Ourense (1994-2008) e da xunta directiva da Federación de Cineclubes de Galicia, que presidiu entre 2005 e 2009. 

Participante como relator en talleres, grupos de traballo e conferencias sobre banda deseñada e cinema, membro do xurado de concursos de banda deseñada, caricatura e relatos, ten colaborado en radio (Onda Cero Ourense, RadioVoz Ourense, Radio Galega) e prensa escrita en temas culturais; entre 2005 e 2013 escribiu unha columna periódica na web CulturaGalega.org. É membro da Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic de España (ACDCómic). En 2014 foille concedido o Premio Ourense de Banda Deseñada, «polo seu labor a prol do desenvolvemento do mundo da BD en Galicia».

Como ilustrador e autor de banda deseñada ten colaborado en publicacións como Frente Comixario, Bravú ou Animal+l.


Perfil en LinkedIn
Ficha en UniCo
Ficha en ACDCómic