Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

08/07/09

Libro de homenaxe a Marcos Valcárcel

Share
Cando me propuxeron participar no libro de homenaxe a Marcos Valcárcel —con quen colaborei hai anos no Clube Cultural Alexandre Bóveda, e posteriormente como socio nunha pequena aventura empresarial chamada Aira Iniciativas Culturais—, non me parei a pensar que no libro ían estar figuras tan importantes (escritores, artistas, políticos...), e ao ver o resultado, case me sentín un pouco intruso entre tanta xente coñecida.
En fin, a miña modesta contribución, que se pode var máis abaixo, foi unha ilustración que está relacionada con Xan da Cova, un insigne toliño que viviu en Ourense no século XIX e que inventou un idioma propio —o trampitán— e dous artiluxios fantásticos e case diriamos que surrealistas: o «paraugas universal» —colocado no Polo Norte, tapaba todo o Hemisferio— e o «pirandárgallo», un sistema de transporte que sabiamente mesturaba os coñecementos de aerostática cos de xeografía física. O personaxe resulta sen dúbida simpático, aínda que no seu momento foi tratado como un choqueiro por parte dos seus conci
dadáns, que lle seguían a corrente para faceren burla del. Supoño, por outra parte, que este tipo de loucura que fai que o individuo en cuestión se crea un home sen par, de ideas xeniais, se presta especialmente ás chanzas populares, aínda que non deixan por iso de ser mesmo crueis.






















Así pois, para o meu debuxo imaxinei un mundo en que don Juan de la Coba puidese ter levado adiante o seu invento e revolucionase o mundo das comunicacións a través da súa propia compañía, e deseñei un cartel anunciador das súas viaxes.
Unha das miñas colaboracións con Marcos foi, precisamente, na edición de textos do libro Juan de la Coba y Gómez (1829-1899). Antoloxía de textos sobre o inventor do trampitán, que el se encargou de coordinar en 1999, e que reúne todos os textos publicados anteriormente sobre este personaxe. O volume abría a colección Auria do Concello de Ourense, e aínda deben de quedar algúns exemplares en librarías un pouco atentas a este tipo de curiosidades. Carlos Casares asinaba un dos textos, que previamente fora publicado por Galaxia no libro Biografía de don Juan de la Coba (poden lerse algúns framentos en Google Books).
Creo que Marcos e mais eu temos en común, entre outras moitas cousas, o cariño polas curiosidades da historia de Ourense, e esa era a idea clave da cal partín á hora de escoller un motivo con que contribuír a esta merecida homenaxe.

O libro, aínda non o dixen, titúlase Marcos Valcárcel: O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos.

Creative Commons License
Xan da Cova by Henrique Torreiro is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License.

0 comentarios: