A difusión do audiovisual

Na revista mensual Tempos Novos teñen aparecido algúns textos meus sobre cinema, e tamén sobre BD e caricatura. O último foi, en novembro de 2008 (n.º 138), este breve artigo respondendo á cuestion «Que males obstaculizan a proxección sociocultural do audiovisual galego?» dentro da sección da revista denominada «Tres en raia»; nela, tres persoas con algún tipo de relevancia no tema dan a súa resposta á pregunta formulada. Neste caso, respondiamos Antón Reixa —como presidente do Clúster Audiovisual Galego—, Dolores Ben Pena —como presidenta da Agapi—, e mais eu, en calidade de presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (cargo que desempeñei entre 2005 e xuño deste ano, e no que me substituíu Manuel Precedo). Este foi o meu texto, titulado na revista «Tecer redes alternativas»:
A pesar de que, en aparencia, todos temos clara a importancia cada vez maior do audiovisual, segue sen acabar de ser visto pola nosa sociedade —e, por extensión, por moitos dos seus representantes— como un elemento da cultura. Vese, si, como un sector económico ou comercial e como unha forma de entretemento, mais ningunha desas dúas vertentes (igualmente importantes) ten sentido sen esa perspectiva cultural.

Nun momento en que temos máis acceso cada día a contidos a través de internet e de canais de televisión, o interese do público maioritario segue focalizado nun tipo moi preciso de produtos que se lle ofrecen. Non imos descubrir agora que se necesitan, máis ca nunca, guías e criterios para acceder a uns contidos que poden ser tan inútiles por exceso como por defecto. Fronte a isto, o risco está en caer nunha elitización cultural que fabrique barreiras entre os gustos xerais e os gustos ‘intelectuais’. Trataríase, antes ben, de crear dinámicas que ampliasen os horizontes dos espectadores medios, que lles permitisen ir descubrindo cómo se pode disfrutar igualmente de moi diferentes tipos de produtos audiovisuais, aínda que algúns sexan inicialmente máis ‘difíciles’.

O apoio ao audiovisual galego adoita entenderse como apoio á produción, esquecendo a imposibilidade de apoialo sen facelo tamén á difusión do audiovisual en xeral. Dado que estamos a vivir unha crise moi fonda na exhibición cinematográfica, cómpre potenciar unha rede alternativa —nalgúns casos, aproveitando tamén as salas comerciais existentes— desde as institucións.

Esta axuda institucional debe ir dirixida á base: necesítanse dinámicas socioculturais horizontais, non dirixismo vertical. Precísase, primeiramente, dunhas infraestruturas, algo do que carecemos na maioría do territorio galego. Mais tamén se necesitan unhas políticas culturais pensadas para cada lugar, porque cada vila, barrio ou cidade ten as súas características; non é lóxico facer unha programación cultural centralizada, polo menos se se pretende que sexa efectiva. Serán aquelas persoas que viven a realidade de cada zona —e traballan con ela, por exemplo, desde o campo asociativo— as que mellor poidan entender as solucións culturais que precisan. Non se poden dar saltos no baleiro, e se en moitos lugares non hai salas de exhibición cinematográfica, primeiro haberá que pasar polos niveis máis básicos e necesarios, como o cinema de entretemento —haino de calidade, naturalmente—, ou o dirixido aos máis novos. Hai que crear primeiro públicos para despois ir ampliando horizontes.

Porén, isto supón loitar contra correntes que veñen de moi lonxe e de moi fondo. A sobreprodución e o aproveitamento de tipo intensivo dos produtos audiovisuais —un mal que inza case todos os campos da industria cultural— xeran un remuíño que en moitos casos está a levarse moi mal coa perspectiva cultural da que falamos, e, en último termo, coa propia subsistencia da industria. Ante todo isto, o movemento cineclubista, infelizmente con moitas menos forzas hoxe das que podería ter, pretende xerar amor polo medio a través do seu coñecemento.

Outro artigo máis extenso sobre o tema («Cineclubismo en Galicia: tempos difíciles»), que creo que segue a ser tan de actualidade coma este, foi publicado na mesma revista en xullo de 2007, e pode baixarse aquí en formato pdf (52 Kb).

Comentarios