‘Novela gráfica’, en CulturaGalega.org

Hoxe sae publicada a miña nova columna «Entre as viñetas», que aparece aproximadamente cada dous meses dentro da área de opinión do portal CulturaGalega.org. Nestas últimas semanas lin o libro de Santiago García La novela gráfica, e, aínda que globalmente debo dicir que me decepcionou un pouco, a súa lectura absorbeume até tal punto que, se non o lin dunha soa sesión, foi por cuestións de tempo. A columna foi dalgunha forma orixinada, pois, pola lectura dese libro, aínda que non coa intención de criticalo, senón a de facer unha breve reflexión sobre o debate acerca da idoneidade desta denominación para algúns cómics.

Iso si, deixo caer nela un par de notas sobre as razóns do meu pequeno desencanto con esta obra. Á parte dalgunhas consideracións de partida coas cales non concordo (pero que non deixan de ser convencións que hai que fixar dalgún xeito como marco do estudo iniciado), as razóns veñen de que o libro centra a maior parte da súa argumentación na historia do cómic norteamericano, minimizando o compoñente europeo e sobre todo xaponés na concepción actual da banda deseñada; ademais, fai unha separación moi pouco precisa entre o cómic «de autor» e o «industrial», cando parece sinalar isto como unha das claves diferenciadoras da «novela gráfica», cousa que tamén me parece moi discutíbel (a calidade dunha obra non está directamente relacionada con esa «comercialidade», mais, se así for, non imos deixar de chamar novela a unha mala novela, nin filme a un mal filme). Con todo, recomendo a lectura do libro de Santiago García; a pesar desas carencias, hai que recoñecerlle o valor que supón o repaso que fai a boa parte da historia do cómic, buscando un ordenamento, unha lóxica interna entre as súas tendencias, recuperando algúns elos perdidos e tratando tamén de pór no seu sitio algúns elementos lixeiramente sobredimensionados, para tentar ofrecer algo de luz sobre un tema que aínda requirirá moitos estudos e investigacións.

Nesta ligazón poden consultarse as columnas anteriores de «Entre as viñetas», que, caio agora na conta, cobren xa cinco anos de colaboración continuada.

Comentarios

  1. Agora es ti quen debe disculpar a miña tardanza na resposta. Veño de ler a entrada e o artigo de CG e coincido co teu punto de vista. Grazas pola túa anotación no meu blog!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario