Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

07/07/09

, ,

BD en ‘Viralatas‘

Share
A revista Viralatas pode lerse en pdf no seu web, ademais de estar de forma gratuíta en multitude de tendas, cafés e bares da xeografía galega. Eu colaboro cunha sección de recensións sobre BD. Reproduzo aquí as do número 2, correspondentes ao mes de xullo, para quen teña preguiza de ir a polo exemplar en papel ou baixarse o pdf.


El corazón de los árboles
Miguel B. Núñez

Había xa moito tempo que os cómics de Miguel B. Núñez non recibían publicación en forma de monografía, malia teren aparecido con regularidade en cabeceiras tan prestixiosas como NSLM ou Strapazin. Esta recompilación que agora edita
Polaqia vén demostrar que Núñez segue a ser un dos nomes que máis hai que reivindicar na escena estatal actual. Aínda que lidas por separado e sen aviso previo as súas historias poderían talvez parecer un divertimento, un exercicio de estilo e creación de atmosferas e ambientes ou quizá un acto provocador, incorrecto, polos temas que suscita e os tópicos con que xoga —non vai polas ramas—, o certo é que, vistas en conxunto, queda en evidencia a súa natureza de reflexión moral. Non precisamente por seren moralizantes, senón, antes ben, pola forma de poren en cuestión a realidade e as súas convencións; por amosaren os dilemas do ser humano sen solucións fáciles e reconfortantes, senón tal e como se dan nas nosas vidas: irresolutos e desacougantes. H. T.


Catálogo de novedades Acme
Chris Ware

Con Jimmy Corrigan: El chico más listo del mundo estreábase en España a obra de Chris Ware, naquel caso no formato novela gráfica. Este novo libro representa un tipo de proposta máis asimilábel ás páxinas da súa revista The Acme Novelty Library: como ela, é unha auténtica peza de coleccionista para os amantes das edicións únicas, polo seu conglomerado de detalles, que máis que homenaxear vampirizan as clásicas revistas populares, e os seus anuncios e seccións, incluídas as tiras cómicas. Neste volume, Ware preséntanos, por medio do seu sempre inquieto espírito experimentador na narración gráfica, outros personaxes seus que, de forma poliédrica, van dando a súa propia visión sobre Norteamérica e por extensión o mundo en que nos movemos, a súa historia e a súa arte. Pode parecer pretensioso, mais o certo é que, unha vez que o lector supera o ton aséptico e frío que Ware impón ás súas obras, pode comprender por que é un dos autores máis influentes no cómic mundial nos últimos anos. H. T.

Fito & Pita
Guitián
Non é fácil condensar o sentido de humor galego actual, mais Alberto Guitián conségueo. Desde as páxinas da revista Retranca —ou desta mesma Viralatas—, pode albiscarse parte do seu xenio creativo. Sendo como é un dos máis persoais autores galegos, pola súa forza gráfica e a súa intelixente ollada, era sangrante que seguise sen contar cunha publicación en forma de libro, a pesar de haber varios proxectos seus que o merecen —como a súa serie Petaco, desenvolvida na fenecida Mister K—. Fito e Pita son dous «avós maquineiros», é dicir, dous anciáns que seguen a se comportar como rapaces en plena efervescencia de excesos diúrnos e nocturnos. As súas peripecias serven para presentarnos todo un elenco de secundarios non menos extremos. Detrás de toda a caricaturización «agrotóxica-costumista» da obra, máis alá do aparato hiperbólico e underground das tiras que compoñen o álbum, hai un pouso que nos fai familiares os desmandados personaxes e transloce a complexidade da Galicia de hoxe. H. T.

Adiós, Chunky Rice
Craig Thompson
Cúmprense dez anos desde a edición orixinal desta obra, e, dado que segue a estar dispoñíbel nas nosas librarías na edición de Astiberri, non é mala idea recuperala mentres o seu autor acaba Habibi, a súa esperada nova novela gráfica. Adiós, Chunky Rice pode sorprender inicialmente a quen vaia buscando outro Blankets, a obra que consagrou a Craig Thompson e pola que é coñecido —merecidamente— mesmo por lectores non habituais do ámbito da banda deseñada. E se é así é porque se trata doutro ton, que xoga cos elementos externos do subxénero dos funny animals, aínda que os dota dunha forza expresiva e sensitiva moi diferente. Aí é onde se entronca claramente co universo da seguinte obra do autor, xa que ambos os cómics beben dos seus recordos de rapaz. Historia de personaxes, de perdas e de procuras, a súa sensibilidade só é comparábel coa excelencia da súa narratividade, que conduce o lector por un tobogán asombrosamente fácil de seguir a pesar da súa evidente densidade expositiva. H. T.

0 comentarios: