Outro dos asuntos que me tivo ocupado durante os últimos meses —e seguirá a ocuparme— é a coordinación e a edición deste Informe 2008 do Observatorio da Ilustración Gráfica, que xa se pode adquirir en papel ou baixar de forma gratuíta en formato PDF. Quedei contento co resultado, e espero que sexa útil na reflexión profesional do mundo da ilustración e nas súas reivindicacións.
O texto principal —o informe propiamente dito, que está escrito en castelán, mais foi traducido tamén a catalán, éuscaro, galego e inglés— considero que dá unha idea de como andan as cousas nos distintos mercados con que se relaciona a ilustración (entre eles, obviamente, tamén a banda deseñada).
Entre as outras cousas interesantes do libro, hai varios artigos e catro transcricións de mesas redondas sobre temas moi diversos (o mundo dos axentes, a relación co cliente, as novas tecnoloxías, os novos mercados). Espero non pecar de inmodesto se digo que creo que a súa lectura pode ser valiosa para quen teña algo de interese en como funciona a profesión e os retos que hai que enfrontar.
Agora toca comezar coas presentacións, ao público, á prensa e ás institucións. Desde onte o libro está presente na feira Liber, en Madrid; dentro duns días, tamén na de Frankfurt, presentándose aos membros do EIF, e despois noutras localidades do estado, como Santiago de Compostela o día 31 deste mes.
Comentarios
Publicar un comentario