‘Que é BD?’, en CulturaGalega.org

Hoxe publicouse a nova columna da miña sección «Entre as viñetas» en CulturaGalega.org. Titúlase Que é BD?, e nela reflexiono brevemente sobre como as definicións que existen sobre a novena arte son bastante variábeis, e acerca de se non lle estaremos a dar demasiada importancia a esas cuestións clasificatorias. 

En principio dubidei se tratar ou non este tema, que se ten tocado tamén por outros columnistas do mesmo portal, como Xastriño ou Melo, ademais de noutros blogs, como o de Álvaro Pons e, especialmente, o de Pepo Pérez —que leva bastante tempo pondo en cuestión a secuencialidade como elemento definitorio da banda deseñada—; dubidábao por se podía ser demasiado técnico para o público xeral, a quen, en principio, vai dirixido o meu texto. 

Porén, pensei que tamén era bo que todo o mundo reparase en como estabelecemos uns marcos definitorios para as manifestacións artísticas e pensamos que están moi claros, cando en realidade son bastante máis esvaídos, e por riba cambian continuamente cos usos sociais. O formato da longametraxe ou o da novela, por exemplo, responden máis a convencións de tipo comercial que a unha razón de ser creativa ou artística, e nin sequera teñen sido iguais en toda a historia, mais podemos pasar horas discutindo se o termo «novela gráfica» é acertado ou un tremendo erro. En fin, o asunto daría para un texto moito máis longo, pero neste caso había que cinxirse a outro tipo de convención: a do espazo que debe ter unha columna. O resultado, aquí.

E, para quen estiver interesado/a, as anteriores colaboracións nesta mesma columna, desde 2005, acolá.

Comentarios