Desas imaxes sepárannos moitas cousas, porque da historia de ritmo repousado que aínda era propia desa época (moitas das escenas poderían ser exactamente iguais 150 anos antes) pasamos aos cambios de ritmo frenético da actualidade, mais hai algo que non cambiou e que nos fai recoñecernos nelas.
A semana pasada puiden ver a nova exposición con obra de Anderson, «Unha mirada de antano», que organizou a Fundación Caixa Galicia. Cómpre vela con vagar para poder desfrutala como merece. Só por contemplar algunhas imaxes con perspectivas inéditas (por exemplo, de Ourense, unha vista desde San Francisco que hoxe é sinxelamente imposíbel, tanto como a perspectiva da rúa do Progreso tomada desde un balcón do desaparecido Hotel Roma) xa valería a pena, pero é que a exposición é moito máis. O vídeo que inclúe a reportaxe que preparou CulturaGalega.org, con comentarios dun dos comisarios da mostra, Miguel Anxo Seixas, serve de inmellorábel aperitivo do moito que se pode encontrar nas fotografías tomadas por esta norteamericana en cada recuncho de Galicia.
Comentarios
Publicar un comentario