‘En positivo’, en CulturaGalega.org

A miña columna de hoxe para CulturaGalega.org, baixo o título En positivo, afonda na temática iniciada na anterior entrega: os novos tempos da BD galega —en xeral, tan bos, a pesar de que a crise e os recortes dean algúns desgustos— traen tamén consigo a necesidade de revisión de moitas prácticas e inercias adquiridas co tempo. Algo no que tamén incidín no artigo que fixen para o recente número 18 d’O Fanzine das Xornadas —a miña única colaboración este ano, xa que é primeiro número que non coordinei—, en que reflexionaba sobre o momento de mudanzas polo cal pasan as propias Xornadas, que este ano estiveron a piques de desaparecer (e que, no entanto, parecen ter agora visos de novos pulos mediante un novo proxecto presentado o pasado día 7). O artigo d’O Fanzine pode lerse aquí, nas páxinas 4 e 5 (PDF, 5,29 Mb).

Pola súa parte, desde aquí pode accederse ás anteriores columnas da sección «Entre as viñetas».

Comentarios

  1. Estou moi de acordo co que dis na columna. No mundiño téndese ás veces a reaccionar con demasiada visceralidade e vitimismo (penso no affaire Molina Foix, por exemplo), actitudes que resultarían estrañas noutros medios precisamente porque a súa respectabilidade non está en cuestión. As respostas sosegadas e as actitudes positivas contribúen, coido eu, a deixar fóra do debate cuestións como a respectabilidade cultural da BD.

    ResponderEliminar
  2. Si, precisamente o caso Molina Foix é talvez do máis extremo a que se ten chegado, e non deixou en absoluto en bo lugar os afeccionados á BD (e iso que bastaba con non dicir nada para que o escritor quedase na máis absoluta das evidencias polo seu artigo). Claro que neste caso o que vimos foi o resultado de unir o espírito de «gueto» reinante no mundo do cómic até hai ben pouco co «poder de actuación» da Internet, que pode sacar cousas moi boas mais tamén reduplicar todo o mao... Por sorte, como digo, todo isto está cambiando, ou polo menos esa é a miña percepción. Graciñas polo comentario!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario