Mesa redonda en Valencia

Non quedaba tan contento do resultado dunha mesa redonda desde había moito tempo. O xoves da semana pasada tomei parte na organizada en Valencia pola Apiv para a presentación do Informe 2008 do Observatorio da Ilustración Gráfica (informe do que xa falei neste blog). É certo que a presentación en Santiago tamén estivera ben, pero esta saíu aínda mellor.
Na foto (xentileza de Verónica Leonetti), os participantes nesta ocasión: de esquerda a dereita , Pablo Auladell, Carlos Ortín, eu, Arnal Ballester e Rosa Serrano, xusto no momento do comezo (de aí esas caras tan serias e concentradas). Concordamos antes do acto que unha das ideas clave era non acabar no tradicional discurso choromiqueiro que fai que todo o mundo saia máis deprimido do que entrou, e penso que o conseguimos. Malia que a situación que estamos a albiscar podería ser cualificada de caótica, sen esaxerar —por exemplo, no mundo da edición, que é o que centrou boa parte do tempo, os ciclos insostíbeis dos que se fala no Informe están xa comezando a estoupar, e o mercado dixital ten aínda unha chea de incógnitas—, coido que conseguimos transmitir que todas estas incertezas traen tamén consigo unha morea de oportunidades novas, e que hai razóns para o optimismo (un maior control sobre a difusión das obras; a vida ilimitada dun libro, sexa virtualmente ou con impresión baixo pedido...). E, ante todo, que o sector da ilustración está atento aos cambios para actuar directamente.
A impresión que me produciu a participación do público, e o ambiente que percibín despois nos petiscos que se serviron no local da asociación, confirman que esta non foi unha mesa redonda máis, senón que serviu a moita xente para decatarse de que está a comezar unha nova etapa, chea de cambios substanciais. E eu creo que a min tamén me fixo máis consciente diso.

Comentarios

  1. Esperemos que si, que sea el comienzo de una nueva etapa. Veo que salió todo de lujo y que tuvisteis una afluencia de público más que interesante.
    Abrazo

    ResponderEliminar

Publicar un comentario