Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

06/06/12

, ,

‘Mudanzas sociolóxicas’ en CulturaGalega.org

O artigo de hoxe en «Entre as viñetas» —a miña columna en CulturaGalega.org— titúlase Mudanzas sociolóxicas, e volve insistir nun tema que quizá nos poida pasar desapercibido aos que levamos tempo no mundo da banda deseñada: o brutal cambio de mentalidades producido no noso contorno a favor dos cómics. Isto implica unha maior complexidade de gustos, temáticas e focaxes, e quizá os que nos dedicamos á promoción da BD non sexamos de todo conscientes de como os modos de achegar o cómic á sociedade son xa distintos dos de, poñamos, hai tan só cinco anos. Así de rápidos van os ritmos. Entre o que reflicte este vídeo dos arquivos de RTVE, relativo ao terceiro Saló del Còmic de Barcelona (1983), e algún momento a mediados da pasada década o cambio social foi minúsculo comparado co que se vén producindo deste entón. Esa actitude didáctica que se ve no vídeo —reforzada por se tratar dun programa dirixido a público xuvenil, e pola forma de nos relacionar cos medios de comunicación, que tamén mudou un mundo— nas intervencións de Antonio Martín (a partir do minuto 2:50) ou Joan Navarro (a partir do 23:50) viñemos manténdoa (con adaptacións, pero coa mesma esencia de discurso) até hai nada. Hoxe temos que lembrar que a moito do público obxectivo xa non hai que convencelo de que ler cómic non é algo mao; como dicía hai uns meses, xa non hai que estar á defensiva. O problema é que moitas ferramentas das que facemos uso aínda teñen eses esquemas, e por exemplo hai xente que encontra en Entender el cómic moitos argumentos que parecen procedentes dun complexo de inferioridade, cando no seu momento tiñan todo o seu sentido.