Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

20/05/16

, , ,

‘MARTÍN BERASATEGUI Y DAVID DE JORGE’, DE JAVIRROYO


[Texto en castellano debajo]

Non descubro nada se digo que a alta cociña leva uns anos de moda, a través (nomeadamente) de programas televisivos de máxima audiencia, aínda que quizá ollada en moitos casos dunha perspectiva negativa, de ambiente competitivo e mesmo de narcisismo non disimulado. Moi lonxe, pois, do espírito de creatividade, vitalidade e desfrute que viñan preconizando os programas de cociña enfocados aos fogóns domésticos.

Por outra parte, o auxe da novela gráfica nestes últimos anos tamén comezou a rachar ataduras e algúns límites autoimpostos, tanto dentro dos esquemas do mundo do cómic como nos do mundo editorial en xeral. Javirroyo (Zaragoza, 1972) ofreceu a finais de 2015 unha obra de 350 páxinas onde se mesturan a reportaxe xornalística «de autor», a biografía e o libro de receitas, a través dun cómic que hai non moito tempo algúns dubidarían se cualificar como BD ou híbrido de libro ilustrado con viñetas. Todo regado con moito humor, e sen por iso deixar de tratar asuntos serios. Falamos dunha obra que ademais, independentemente da súa propia marca autoral, é resultado dun encargo editorial; é dicir, tamén racha con outra das características do panorama do cómic en España nas últimas décadas: non responde só ao risco dun autor, senón que contou con financiamento para a súa realización. E o resultado é máis que notable. Javirroyo consegue, cun trazo sinxelo propio dos grandes mestres da economía da liña, manter o interese do lector durante toda a obra, e enfiar o argumento sen que resulte estraño pasar do protagonismo de David de Jorge ao de Martín Berasategui. Como interludios de cada capítulo, sitúa as receitas, prácticas e rápidas (tamén en cómic, naturalmente: nalgún caso, un punto concisas de máis, pero nada que faga perigar a posibilidade de levalas a cabo), xunto con pequenos repasos á historia ou anécdotas dos pratos ou produtos a que se refiren.

Que a banda deseñada ten aínda moito polo que sorprender o público lector (ese que hai poucos anos descoñecía a existencia do cómic máis alá de tres ou catro referencias populares, mais non só) é un feito incontestable. A simple situación de ter que explicar este libro con comparacións con outros tipos de obra (e formatos) dá unha idea da cantidade de campos que nos quedan por descubrir dentro de todas as posibilidades que abre a narrativa gráfica e o libro ilustrado.

Se algo se lle pode reprochar ao libro de Javirroyo é talvez que esa boa onda que desprenden os personaxes pode resultar un tanto reiterativa contra o final do libro, mais en todo caso hai que agradecer esa ollada positiva —e reconciliadora para quen estea farto de realities— cara a unha alta cociña marcada por unha dedicación permanente e un traballo sen descanso ao tempo que apaixonado, no que é tan importante a creatividade e o bo facer como contar cun grande equipo humano ben coordinado. Curiosamente, cociña e cómic teñen por aí máis puntos en común do que pode parecer: a banda deseñada require paixón e moitas horas de traballo por páxina para unha degustación de apenas minutos; raramente o traballo dun autor de cómic vai estar ben remunerado, se contamos as horas reais de labor que ten atrás, e sospeito que pouco máis ou menos pode dicirse da cociña.

Javirroyo: Martín Berasategui y David de Jorge. Aventuras, desventuras y recetas de un 7 estrellas Michelin y del cocinero que pilota ese programa de TV que se llama «Robin Food», Barcelona: Debate, 2015