Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

27/11/09

,

Ruth Matilda Anderson

Hai xa once anos quedara impresionado coa exposición que sobre Ruth Matilda Anderson estivera dentro do programa do Outono Fotográfico, daquelas organizada pola Consellería de Cultura. As imaxes tomadas por esta muller nas dúas expedicións por terras galegas organizadas pola Hispanic Society of America entre 1924 e 1926 abrían unha nítida fiestra cara ao pasado en que, malia os anos que transcorreran desde que foran tomadas, era ben doado identificar elementos totalmente próximos e familiares. 
Desas imaxes sepárannos moitas cousas, porque da historia de ritmo repousado que aínda era propia desa época (moitas das escenas poderían ser exactamente iguais 150 anos antes) pasamos aos cambios de ritmo frenético da actualidade, mais hai algo que non cambiou e que nos fai recoñecernos nelas. 
A semana pasada puiden ver a nova exposición con obra de Anderson, «Unha mirada de antano», que organizou a Fundación Caixa Galicia. Cómpre vela con vagar para poder desfrutala como merece. Só por contemplar algunhas imaxes con perspectivas inéditas (por exemplo, de Ourense, unha vista desde San Francisco que hoxe é sinxelamente imposíbel, tanto como a perspectiva da rúa do Progreso tomada desde un balcón do desaparecido Hotel Roma) xa valería a pena, pero é que a exposición é moito máis. O vídeo que inclúe a reportaxe que preparou CulturaGalega.org, con comentarios dun dos comisarios da mostra, Miguel Anxo Seixas, serve de inmellorábel aperitivo do moito que se pode encontrar nas fotografías tomadas por esta norteamericana en cada recuncho de Galicia.

09/11/09

, ,

BD en ‘Viralatas’ 4

Cun atraso maior do habitual na actualización deste blog, en parte debido a isto e a isto outro, volvo coas recensións que fixen para o número 4 de Viralatas (outubro-novembro), que acaba de saír publicado. Como de costume, a revista pode conseguirse gratuitamente en moitos locais das cidades galegas, e ademais descargarse de balde desde a web, en formato pdf.


            Mi vida mal dibujada
Gipi
O italiano Gipi (pseudónimo de Gian Alfonso Pacinotti) é un dos grandes descubrimentos da banda deseñada europea no último decenio: o seu estilo gráfico, de riscos áxiles e rápidos pero asombrosamente precisos e acertados, vai unido a unha fluidez narrativa que é o perfecto complemento das súas historias. Na súa última obra fala da súa vida, como exercicio creativo e curativo, igual que acontecía, por exemplo, con libros como Mis circunstancias, de L. Trondheim, ou Píldoras azules, de F. Peeters. Non se trata, por tanto, dunha evocación melancólica de tempos pasados, senón que vai moito máis alá: amosa unha historia persoal que poderiamos cualificar de extrema, e faino de forma maxistral, empregando un fabuloso sentido do humor que matiza o dramatismo existente nos temas que trata. De forma envolvente consegue, páxina a páxina, somerxer o lector no relato até facelo participar das súas impresións —en estados alterados e non só—, nunha viaxe terapéutica e exorcizadora. Henrique Torreiro


Hexed: A marca de Lucifer 
Michael Alan Nelson/Emma Ríos
Frutifica en forma de álbum, por fin, o talento de Emma Ríos como narradora gráfica. Neste caso, aínda que non se trate dun traballo con argumento dela, o guión de Michael Alan Nelson encaixa perfectamente no tipo de historias que gusta de contar esta arousá de persoalísimo estilo. Concibido como miniserie de catro capítulos, que á súa vez conforman o que podería ser un primeiro episodio dun proxecto máis longo, o arco argumental funciona moi ben, e non pouco grazas ao talento de Emma. Bebendo a un tempo das historias de serie negra e das de fantasía con elementos do terror de influencia oriental, logran unha narración lixeira e asemade dotada dun pouso escuro, que foxe do estilo comercial maioritario, nunha mestura moi atractiva. Tanto que un dos nomes estelares da BD internacional actual, Paul Pope, se interesou por facer unha portada para a edición en tomo, que se emprega na versión castelá do libro, aínda que sen desmerecer a da propia autora, que ilustra a versión galega. H. T.



            Posy Simmonds
Os límites entre a banda deseñada e o relato ilustrado non son tan fáciles de definir como gustarían os amantes das taxonomías. Que se pode combinar o mellor de ambas as dúas disciplinas é algo que xa demostrara a británica Posy Simmonds no seu libro Gemma Bovery, pero perfecciónao até o extremo en Tamara Drewe. Como no primeiro caso, parte dunha protagonista enigmática, admirada e odiada a partes iguais polos seus veciños e veciñas. Nesta ocasión, múltiples perspectivas conflúen nun relato perfectamente construído, no que ningún dos personaxes participantes escapa da análise. Exemplifica con eles os dous mundos que busca mostrar: a campiña inglesa, cos seus adolescentes aburridos, por unha banda, e os londinienses círculos literarios e da fama, por outra. Como boa coñecedora dos dous ambientes, Simmonds traza unha moi entretida historia chea de matices, ironía e ritmo, que foi publicada por entregas en The Guardian pero que funciona coma un mecanismo de reloxaría nun único volume. H. T.




Liniers
Quen xa coñece a obra de Liniers pode imaxinarse o que o espera nas páxinas do seu novo libro, recompilación das súas tiras diarias no xornal La Nación. É dicir, pode supoñer, precisamente, que nelas é posíbel que aconteza todo o (in)imaxinábel nunha tira de prensa: emprego de moi diversos personaxes, en vez dun único xogo de protagonistas; mudanza constante da estrutura narrativa, na procura de todas as posibilidades existentes; humor gráfico que cada día responde a un tipo de esquema diferente, e  non sempre ao mesmo; incluso humor que nalgúns casos vai máis alá do que se pode entender por humor, e, lonxe da pedantaría, se sitúa cerca da reflexión sinxela e honesta do cotián. E todo isto sen caer no que se chamaría normalmente experimentación, que faría fuxir espavorecidos a gran parte dos seus lectores. Os libros do porteño Ricardo Siri, Liniers, son todo un tesouro que normalmente os seus descubridores gardan nun recanto da súa biblioteca reservado aos achados máis prezados. H. T.