Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

27/09/16

, , , ,

‘BINOMIOS FANTÁSTICOS’, DE MIGUEL ROBLEDO


[Texto en castellano debajo] 
 A obra de Miguel Robledo é aínda unha gran descoñecida para o gran público, por desgraza. A súa única monografía, Vilaverzas (Faktoría K de Libros, 2006, recompilación de parte das BD publicadas previamente na revista Golfiño) está descatalogada; o seu traballo tense repartido desde os noventa por libros de texto, producións multimedia e audiovisuais en moitos casos frustradas (como a serie para televisión Ventura na illa de Hypnos ou a longametraxe Holly Night) e diversas publicacións, como BD Banda, onde apareceu por entregas a súa primeira historia longa da serie Os Cabezóns e unha continuación que quedou inconclusa, e Polaqia chegou a editarlle un caderno de bosquexos dentro da súa colección Sketchbook. Nos últimos anos, podemos ver escintileos do xenio deste artista a través dos traballos para moitas das portadas de Eurisaces Editora, e para láminas e outros obxectos producidos pola allaricense libraría Aira das Letras (como a máis que recomendable Axenda ilustrada que aínda pode conseguirse alí), e chegou a publicar varios capítulos dun novo cómic («As viaxes de Iria») na falida revista Oink!

Ao contrario que outros moitos artistas (mesmo algúns grandes artistas), Robledo non deixa de evolucionar cos anos, e ademais faino cara a mellor; se desde sempre foi un dos imprescindibles da BD e a ilustración galegas, hoxe por hoxe sumou á súa mestría aínda maior plasticidade e dinamismo. A súa imaxinación portentosa, que nos leva a mundos netamente propios, desde hai un tempo posúe ademais un halo de misterio difícil de igualar. Binomios fantásticos recolle en papel precisamente parte desta faceta da súa obra, que pode apreciarse a diario a través das súas webs e redes sociais. O volume fai uso do revitalizado concepto do libro ilustrado para público adultoque tantas posibilidades ten aberto nestes últimos anos até engarzarse, sen límite claramente definido, coa banda deseñada—, e faino aplicando o principio do «binomio de conceptos» de Gianni Rodari, dando unha identidade e un fondo a unhas ilustracións fantásticas xa de por si evocadoras. O libro ten como principal baza esa combinación de breves explicacións, case microrrelatos, que se confrontan e dan un novo sentido aos personaxes que pululan polas súas páxinas. A faísca procedente da unión de textos e imaxes provoca pequenos lóstregos na mente do lector. Unha delicia de obrigada lectura que hai que agradecer ao interese dos libreiros ourensáns Sindicato del Cómic.

Miguel Robledo: Binomios fantásticos. Una colección de personajes improvisados con microhistoria adosada, Sindicato del Cómic, 2016. 10 euros


19/09/16

,

A GUÍA NINJA DO ILUSTRADOR

 [Texto en castellano debajo] 

Un dos proxectos en que andei metido estes últimos meses é A Guía Ninja do Ilustrador. Desenvolvida pola AGPI baixo a coordinación de Alberto Guitián, o propósito da guía era ofrecer en «pílulas» a información que xa se viñera facilitando desde as asociacións de ilustradores a través de diversas publicacións (e que fora extractada e posta ao día en 2012 no Nuevo libro blanco). As pílulas buscaban chegar primeiro a través dun golpe visual, en moitos casos de humor gráfico, transmitindo mensaxes moi sintéticas que poderían converterse en virais a través das redes. Estas imaxes eran só a «avanzada» dun pequeno artigo onde se comentaban brevemente eses temas, e que á súa vez conducía a ligazóns a outros textos e documentos con maior información. Así, ao longo de dez semanas, a web específica da guía foi publicando artigos que conformaron un «decálogo» con algúns dos temas que máis poden preocupar aos ilustradores, especialmente aos que están a comezar, mais non só. A derradeira etapa foi recompilar todo iso nun documento PDF, con versión en galego e en castelán, e nun folleto de 36 páxinas en papel (este só en galego) que foi presentado durante o pasado Viñetas.

Como digo, practicamente todo é coñecido para quen lese as publicacións previas de FADIP e as asociacións, pero aínda así hai novidades, como un achegamento maior ás posibilidades existentes para quen se enfronte a un caso de plaxio ou uso indebido, ou a unha falta de pagamento, e algúns datos (a favor e en contra) das «cooperativas de facturación», que desde hai uns anos aparecen como opción posible para quen non se pode dar de alta no réxime de autónomos. O certo é que o traballo de concisión non foi pequeno, e houbo que traballar duro para conseguir uns textos que, ao tempo que breves e atractivos, fosen rigorosos, para loitar contra informacións pouco documentadas que seguen a circular pola rede, caso da suposta cantidade máxima de facturación a partir da cal hai que darse de alta en autónomos (non existe tal cousa, ou polo menos non é exactamente así). Podemos dicir que de momento está a ser un éxito: á parte das máis de 9000 descargas dos PDF, a percepción da acollida é moi boa, e o mellor de todo é que este proxecto ademais pon en valor a documentación xerada anteriormente, que nalgúns casos pasou un pouco desapercibida, como é o caso da guía para clientes (inspirada na proposta pola AOI británica) que se incluíu no seu momento no Nuevo libro blanco.


12/09/16

, ,

‘LA CARRETA DEL DIABLO’, DE FERNANDO LLORENTE


[Texto en castellano debajo]
A carreta do Diaño foi a historia gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2015, concedido pola Deputación da Coruña; aínda sen publicación en lingua galega, está dispoñible desde hai varios meses na súa versión en castelán a través da plataforma de edición baixo demanda de Amazon. Fernando Llorente, o seu autor, nacido nas Palmas en 1956 e residente en terras galegas desde os primeiros noventa, leva xa moitos anos dedicado á ilustración en publicidade, en animación e sobre todo no ámbito editorial, mais esta é a súa primeira incursión coñecida no mundo da banda deseñada. Grazas a este premio quedou claro que estabamos a perder un auténtico talento nos cómics, vista a capacidade narrativa que demostra nesta obra. A aparente simplicidade dos seus debuxos (que queda totalmente desmentida coa soltura dos seus movementos, a composición dos seus encadres e a profundidade a partir do uso da sombra) crea unha engrenaxe perfecta na maioría das 156 páxinas da historia, que engancha o lector inmediatamente nunha trama de corte fantástico, con humor burlón e descrido, nun discurso de ritmo relaxado, co ton adecuado e o suficiente aire para que os personaxes poidan expresarse cos seus diálogos de frases breves e chispeantes. A historia está contada a dúas viñetas por páxina na súa práctica totalidade, polo que é máis curta do que pode parecer; non obstante, este emprego autoimposto das dúas viñetas crea unha estrutura que funciona moi ben para o relato, beneficiado por un ritmo que acompasa a lectura dunha narración moi marcadamente visual.
Como en moitos célebres casos da literatura, pero especialmente dos medios visuais como o cinema e a banda deseñada, Llorente fai uso dunha chaira, un páramo, para situar os seus personaxes. Quizá porque o afastamento de toda realidade social neses espazos desérticos permite centrar a historia nuns personaxes concretos sen necesidade de artificios. Neste caso, a busca das portas do Ceo por parte dunha peculiar comunidade monástica, ambientada nun lugar indefinido nun momento indeterminado posterior ao medievo, serve para falar, de forma lixeira e desenfadada, sobre grandes temas da humanidade (o ben e o mal, a relatividade e a futilidade da existencia humana). No universo de Llorente, poboado por personaxes caricaturizados pero que reflicten á perfección —niso consiste unha boa caricatura— caracteres ben recoñecibles, danse cita o ben e o mal, e a estupidez humana, disfrazada en moitas ocasións de calquera dos dous anteriores. A relixión como forma de afrontar esas grandes cuestións que atormentan a humanidade no espiritual, pero tamén como escusa para levar a cabo as accións máis materiais e irracionais. Desde os ollos dun demo, que diriamos que veñen ser os do lector contemporáneo, a canalización desa busca á que se dedican en corpo e alma os monxes itinerantes é tan absurda como a teimuda compulsión pirómana dos membros da tamén caricaturesca santa inquisición. 

Certo que á historia lle faltaría certo desenvolvemento argumental, o que fai que a resolución semelle un pouco apresurada despois dunha exposición inicial (a primeira metade) rabiosamente fresca e interesante. Algunhas partes da trama parecen estar pedindo unha maior extensión, con ideas e personaxes que aínda terían moito máis que contar; porén, o contido é de por si destacabilísimo, especialmente se temos en conta que se trata da primeira obra do seu autor.
En breve aparecerá, espero, a versión en galego, e seguramente nela se poderá desfrutar de todo o esplendor das súas luces, pois a edición de Amazon, aínda que cumpre todos os requisitos de calidade, está máis pensada para novela no seu sentido estrito (é dicir, só texto) que para novela gráfica, aínda que a cambio permite un prezo de venda inmellorable. E oxalá este sexa só o primeiro de moitos traballos en banda deseñada de Fernando Llorente. 


Fernando Llorente: La carreta del Diablo, Amazon, 2016. 7,90 euros