Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

29/07/09

,

Esquerda e dereita

Ademais de varios interesantes artigos sobre o futuro case inmediato da prensa (máis información aquí), o número de xullo da revista Letras Libres publica outro destes que chaman a atención do meu interese (absolutamente amateur, naturalmente) polos temas relacionados coa antropoloxía. Trátase dun artigo do mexicano Gabriel Zaid, titulado «Izquierda y derecha», que reflexiona sobre os valores que, en culturas de todo o mundo (desde a prehistoria até os nosos días, nas nosas casas), se lle ten dado á dereita e á esquerda en todos os sentidos, non apenas o político.
Los antropólogos han estudiado numerosas dualidades en diversas culturas, y han observado que no son neutrales, como las clasificaciones matemáticas, físicas y químicas. Están teñidas por la polaridad del bien y del mal. ‘Abajo y arriba’ no es una simple clasificación espacial: es una clasificación religiosa que se vuelve social y finalmente política. Sucede lo mismo con ‘izquierda y derecha’.
Émile Durkheim y Marcel Mauss (“De quelques formes primitives de classification”, 1903, disponible en Google) arguyeron que “Toda clasificación implica un orden jerárquico cuyo modelo no está en el mundo sensible, ni en la conciencia”. Es un constructo social que no sólo tiene historia, sino prehistoria. Es de origen religioso. Relaciona todo con todo en una comunión de los astros con la vida, los habitantes con su medio ambiente, el clan y su tótem, el nombre y la persona, los signos y los objetos. Los del clan del cocodrilo no son crueles como los cocodrilos: son cocodrilos. “Las metamorfosis, las transmisiones de cualidades, la sustitución de personas, de almas y de cuerpos, las creencias relativas a la materialización de los espíritus y la espiritualización de objetos materiales son elementos del pensamiento religioso o del folclor.” La clasificación de todos los seres vivos y de todas las cosas emerge lentamente de la indistinción, pero no es una creación mental que construya categorías abstractas y las aplique a la realidad, a la manera de Aristóteles, sino un proceso social de creación de formas de vida en común: la distinción de clanes, sus relaciones (entre cuáles clanes puede haber o no intercambios matrimoniales), el reparto del cosmos (a cuál clan le corresponde el viento, a cuál la lluvia), la distribución de actividades en el espacio y en el tiempo, las ceremonias.
O artigo completo pode lerse aquí, e ademais pode baixarse en formato pdf, maquetado, nestoutra ligazón.

20/07/09

Ás voltas coas XXI Xornadas

Xa estamos a preparar a vixésimo primeira edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Coma sempre, na primeira parte do mes de outubro. Máis información, aquí.
O estupendo cartel deste ano, que ilustra este post, é obra de Martín Romero.

09/07/09

‘Ventura na illa de Hypnos’

Hai proxectos que dá unha rabia especial que non poidan saír adiante. Un dos que máis lamento que non chegase a bo porto é o da serie Ventura na illa de Hypnos, composta por capítulos que, a xeito de videoclip, ían contando historias do seu protagonista por medio de animación por computador. A serie supuña unha continuación do CD interactivo O labirinto dos soños; neste caso, destinada á televisión, baixo a dirección de Pepe Sendón. Conservábase o personaxe protagonista daquela historia, creado por Fausto Isorna, mais foille encomendado a Miguel Robledo deseñar novos personaxes e desenvolver visualmente as historias suxeridas por cada canción —todas elas compostas por Fran Pérez Narf—. Robledo creou para este proxecto completísimos storyboards e deseños de todo tipo durante bastantes meses, e houbo moitos interesados en tomar parte na produción, mais finalmente todo ficou truncado a medio camiño. Cousas do audiovisual: os traxectos son moi longos, e nunca están acabados até que non se chega ao final de verdade.
O outro día descubrín que na web da revista Galimatías pode accederse a parte dese material. Entrando en calquera dos dous cuartos (o de Gal ou o de Matías), nos íconos que aparecen á esquerda, onde pon «Os soños de Gal» (ou «Os soños de Matías», no seu caso), poden verse os vídeos dos seis capítulos producidos (para iso, hai que premer en «Ver todos os vídeos»), e tamén parte deses deseños a cargo de Robledo. Vale a pena.
Por se for pouco, onte decateime de que o vídeo que aparece en Flocos.tv co título de O labirinto dos soños é, nin máis nin menos, a colección dos seis capítulos de Ventura na illa de Hypnos, e resulta que a calidade de imaxe é bastante mellor. En todo caso, sempre me preguntarei como tería sido este proxecto se se puidese ter feito unha curtametraxe inchada a 35mm para proxectar en pantalla de cinema... Ten elementos realmente espectaculares, e se teño que destacar algo, recomendo o personaxe de Hypnos no último dos capítulos; creo que ten moitísima forza.
Para quen non coñeza aínda o traballo de Robledo, algúns apuntamentos útiles: o libro Vilaverzas (editado en galego e castelán por Faktoría K, recompila parte das historias publicadas previamente na revista Golfiño); Os Cabezóns (en publicación, por capítulos, na revista BD Banda, tamén en galego e en castelán); o libro Una fantasía del doctor Ox, de Jules Verne, ilustrado e deseñado para a ocasión e editado por Duen de Bux); ou, por último —e aínda que xa ten moitos anos—, o CD interactivo Galingua, que ilustrou, deseñou e animou. Oxalá Robledo teña axiña o éxito e o recoñecemento que merece, como un dos máis importantes creadores que temos na nosa terra. E non o digo por amizade.

08/07/09

Libro de homenaxe a Marcos Valcárcel

Cando me propuxeron participar no libro de homenaxe a Marcos Valcárcel —con quen colaborei hai anos no Clube Cultural Alexandre Bóveda, e posteriormente como socio nunha pequena aventura empresarial chamada Aira Iniciativas Culturais—, non me parei a pensar que no libro ían estar figuras tan importantes (escritores, artistas, políticos...), e ao ver o resultado, case me sentín un pouco intruso entre tanta xente coñecida.
En fin, a miña modesta contribución, que se pode var máis abaixo, foi unha ilustración que está relacionada con Xan da Cova, un insigne toliño que viviu en Ourense no século XIX e que inventou un idioma propio —o trampitán— e dous artiluxios fantásticos e case diriamos que surrealistas: o «paraugas universal» —colocado no Polo Norte, tapaba todo o Hemisferio— e o «pirandárgallo», un sistema de transporte que sabiamente mesturaba os coñecementos de aerostática cos de xeografía física. O personaxe resulta sen dúbida simpático, aínda que no seu momento foi tratado como un choqueiro por parte dos seus conci
dadáns, que lle seguían a corrente para faceren burla del. Supoño, por outra parte, que este tipo de loucura que fai que o individuo en cuestión se crea un home sen par, de ideas xeniais, se presta especialmente ás chanzas populares, aínda que non deixan por iso de ser mesmo crueis.






















Así pois, para o meu debuxo imaxinei un mundo en que don Juan de la Coba puidese ter levado adiante o seu invento e revolucionase o mundo das comunicacións a través da súa propia compañía, e deseñei un cartel anunciador das súas viaxes.
Unha das miñas colaboracións con Marcos foi, precisamente, na edición de textos do libro Juan de la Coba y Gómez (1829-1899). Antoloxía de textos sobre o inventor do trampitán, que el se encargou de coordinar en 1999, e que reúne todos os textos publicados anteriormente sobre este personaxe. O volume abría a colección Auria do Concello de Ourense, e aínda deben de quedar algúns exemplares en librarías un pouco atentas a este tipo de curiosidades. Carlos Casares asinaba un dos textos, que previamente fora publicado por Galaxia no libro Biografía de don Juan de la Coba (poden lerse algúns framentos en Google Books).
Creo que Marcos e mais eu temos en común, entre outras moitas cousas, o cariño polas curiosidades da historia de Ourense, e esa era a idea clave da cal partín á hora de escoller un motivo con que contribuír a esta merecida homenaxe.

O libro, aínda non o dixen, titúlase Marcos Valcárcel: O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos.

Creative Commons License
Xan da Cova by Henrique Torreiro is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License.

07/07/09

, ,

BD en ‘Viralatas‘

A revista Viralatas pode lerse en pdf no seu web, ademais de estar de forma gratuíta en multitude de tendas, cafés e bares da xeografía galega. Eu colaboro cunha sección de recensións sobre BD. Reproduzo aquí as do número 2, correspondentes ao mes de xullo, para quen teña preguiza de ir a polo exemplar en papel ou baixarse o pdf.


El corazón de los árboles
Miguel B. Núñez

Había xa moito tempo que os cómics de Miguel B. Núñez non recibían publicación en forma de monografía, malia teren aparecido con regularidade en cabeceiras tan prestixiosas como NSLM ou Strapazin. Esta recompilación que agora edita
Polaqia vén demostrar que Núñez segue a ser un dos nomes que máis hai que reivindicar na escena estatal actual. Aínda que lidas por separado e sen aviso previo as súas historias poderían talvez parecer un divertimento, un exercicio de estilo e creación de atmosferas e ambientes ou quizá un acto provocador, incorrecto, polos temas que suscita e os tópicos con que xoga —non vai polas ramas—, o certo é que, vistas en conxunto, queda en evidencia a súa natureza de reflexión moral. Non precisamente por seren moralizantes, senón, antes ben, pola forma de poren en cuestión a realidade e as súas convencións; por amosaren os dilemas do ser humano sen solucións fáciles e reconfortantes, senón tal e como se dan nas nosas vidas: irresolutos e desacougantes. H. T.


Catálogo de novedades Acme
Chris Ware

Con Jimmy Corrigan: El chico más listo del mundo estreábase en España a obra de Chris Ware, naquel caso no formato novela gráfica. Este novo libro representa un tipo de proposta máis asimilábel ás páxinas da súa revista The Acme Novelty Library: como ela, é unha auténtica peza de coleccionista para os amantes das edicións únicas, polo seu conglomerado de detalles, que máis que homenaxear vampirizan as clásicas revistas populares, e os seus anuncios e seccións, incluídas as tiras cómicas. Neste volume, Ware preséntanos, por medio do seu sempre inquieto espírito experimentador na narración gráfica, outros personaxes seus que, de forma poliédrica, van dando a súa propia visión sobre Norteamérica e por extensión o mundo en que nos movemos, a súa historia e a súa arte. Pode parecer pretensioso, mais o certo é que, unha vez que o lector supera o ton aséptico e frío que Ware impón ás súas obras, pode comprender por que é un dos autores máis influentes no cómic mundial nos últimos anos. H. T.

Fito & Pita
Guitián
Non é fácil condensar o sentido de humor galego actual, mais Alberto Guitián conségueo. Desde as páxinas da revista Retranca —ou desta mesma Viralatas—, pode albiscarse parte do seu xenio creativo. Sendo como é un dos máis persoais autores galegos, pola súa forza gráfica e a súa intelixente ollada, era sangrante que seguise sen contar cunha publicación en forma de libro, a pesar de haber varios proxectos seus que o merecen —como a súa serie Petaco, desenvolvida na fenecida Mister K—. Fito e Pita son dous «avós maquineiros», é dicir, dous anciáns que seguen a se comportar como rapaces en plena efervescencia de excesos diúrnos e nocturnos. As súas peripecias serven para presentarnos todo un elenco de secundarios non menos extremos. Detrás de toda a caricaturización «agrotóxica-costumista» da obra, máis alá do aparato hiperbólico e underground das tiras que compoñen o álbum, hai un pouso que nos fai familiares os desmandados personaxes e transloce a complexidade da Galicia de hoxe. H. T.

Adiós, Chunky Rice
Craig Thompson
Cúmprense dez anos desde a edición orixinal desta obra, e, dado que segue a estar dispoñíbel nas nosas librarías na edición de Astiberri, non é mala idea recuperala mentres o seu autor acaba Habibi, a súa esperada nova novela gráfica. Adiós, Chunky Rice pode sorprender inicialmente a quen vaia buscando outro Blankets, a obra que consagrou a Craig Thompson e pola que é coñecido —merecidamente— mesmo por lectores non habituais do ámbito da banda deseñada. E se é así é porque se trata doutro ton, que xoga cos elementos externos do subxénero dos funny animals, aínda que os dota dunha forza expresiva e sensitiva moi diferente. Aí é onde se entronca claramente co universo da seguinte obra do autor, xa que ambos os cómics beben dos seus recordos de rapaz. Historia de personaxes, de perdas e de procuras, a súa sensibilidade só é comparábel coa excelencia da súa narratividade, que conduce o lector por un tobogán asombrosamente fácil de seguir a pesar da súa evidente densidade expositiva. H. T.

06/07/09

Bedé&cétera

Sempre pensei que eu non faría un blog persoal por falta de tempo. Existe unha «vía intermedia», non obstante: facer que o blog sexa un reflexo do que vou facendo en diversos medios. De momento, pois, a miña intención é publicar na web colaboracións que vou preparando en distintos medios, e tamén recuperar outras que fixen no pasado. Os temas, os meus habituais: artigos sobre BD e cinema, e as súas veciñanzas. E de cando en vez, algunha das miñas —cada vez máis escasas— contribucións gráficas a algún proxecto.