Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

27/08/09

A difusión do audiovisual

Na revista mensual Tempos Novos teñen aparecido algúns textos meus sobre cinema, e tamén sobre BD e caricatura. O último foi, en novembro de 2008 (n.º 138), este breve artigo respondendo á cuestion «Que males obstaculizan a proxección sociocultural do audiovisual galego?» dentro da sección da revista denominada «Tres en raia»; nela, tres persoas con algún tipo de relevancia no tema dan a súa resposta á pregunta formulada. Neste caso, respondiamos Antón Reixa —como presidente do Clúster Audiovisual Galego—, Dolores Ben Pena —como presidenta da Agapi—, e mais eu, en calidade de presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (cargo que desempeñei entre 2005 e xuño deste ano, e no que me substituíu Manuel Precedo). Este foi o meu texto, titulado na revista «Tecer redes alternativas»:
A pesar de que, en aparencia, todos temos clara a importancia cada vez maior do audiovisual, segue sen acabar de ser visto pola nosa sociedade —e, por extensión, por moitos dos seus representantes— como un elemento da cultura. Vese, si, como un sector económico ou comercial e como unha forma de entretemento, mais ningunha desas dúas vertentes (igualmente importantes) ten sentido sen esa perspectiva cultural.

Nun momento en que temos máis acceso cada día a contidos a través de internet e de canais de televisión, o interese do público maioritario segue focalizado nun tipo moi preciso de produtos que se lle ofrecen. Non imos descubrir agora que se necesitan, máis ca nunca, guías e criterios para acceder a uns contidos que poden ser tan inútiles por exceso como por defecto. Fronte a isto, o risco está en caer nunha elitización cultural que fabrique barreiras entre os gustos xerais e os gustos ‘intelectuais’. Trataríase, antes ben, de crear dinámicas que ampliasen os horizontes dos espectadores medios, que lles permitisen ir descubrindo cómo se pode disfrutar igualmente de moi diferentes tipos de produtos audiovisuais, aínda que algúns sexan inicialmente máis ‘difíciles’.

O apoio ao audiovisual galego adoita entenderse como apoio á produción, esquecendo a imposibilidade de apoialo sen facelo tamén á difusión do audiovisual en xeral. Dado que estamos a vivir unha crise moi fonda na exhibición cinematográfica, cómpre potenciar unha rede alternativa —nalgúns casos, aproveitando tamén as salas comerciais existentes— desde as institucións.

Esta axuda institucional debe ir dirixida á base: necesítanse dinámicas socioculturais horizontais, non dirixismo vertical. Precísase, primeiramente, dunhas infraestruturas, algo do que carecemos na maioría do territorio galego. Mais tamén se necesitan unhas políticas culturais pensadas para cada lugar, porque cada vila, barrio ou cidade ten as súas características; non é lóxico facer unha programación cultural centralizada, polo menos se se pretende que sexa efectiva. Serán aquelas persoas que viven a realidade de cada zona —e traballan con ela, por exemplo, desde o campo asociativo— as que mellor poidan entender as solucións culturais que precisan. Non se poden dar saltos no baleiro, e se en moitos lugares non hai salas de exhibición cinematográfica, primeiro haberá que pasar polos niveis máis básicos e necesarios, como o cinema de entretemento —haino de calidade, naturalmente—, ou o dirixido aos máis novos. Hai que crear primeiro públicos para despois ir ampliando horizontes.

Porén, isto supón loitar contra correntes que veñen de moi lonxe e de moi fondo. A sobreprodución e o aproveitamento de tipo intensivo dos produtos audiovisuais —un mal que inza case todos os campos da industria cultural— xeran un remuíño que en moitos casos está a levarse moi mal coa perspectiva cultural da que falamos, e, en último termo, coa propia subsistencia da industria. Ante todo isto, o movemento cineclubista, infelizmente con moitas menos forzas hoxe das que podería ter, pretende xerar amor polo medio a través do seu coñecemento.

Outro artigo máis extenso sobre o tema («Cineclubismo en Galicia: tempos difíciles»), que creo que segue a ser tan de actualidade coma este, foi publicado na mesma revista en xullo de 2007, e pode baixarse aquí en formato pdf (52 Kb).

18/08/09

BD en ‘Caña’

Antes do Viralatas houbo outro proxecto moi similar, que contaba ademais practicamente co mesmo equipo humano. Os problemas da empresa editora foron os que fixeron que a revista Caña, que así se chamaba, acabase no seu número 4 —antes houbera outra revista Caña patrocinada por unha coñecida marca de cervexas, mais esta nova estaba máis centrada no modelo dunha publicación de tendencias. Eu colaborei con pequenas recensións sobre banda deseñada; eran realmente pingas de 1000 caracteres en que tiña que concentrar toda a esencia da obra de forma que resultase atraente tanto para afeccionados como para neófitos. Estas que reproduzo agora eran as primeiras, correspondentes ao número 1, de maio de 2008. Os dous títulos de que falo aínda están disponíbeis nas tendas, para quen estea interesado.

Aventuras de Cacauequi (Edición anotada), de Jacobo Fernández Serrano, é o primeiro traballo en álbum deste autor galego que xa era coñecido polos seus traballos nas revistas Golfiño, BD Banda e Retranca. Con el gañou o Premio Castelao 2007, demostrando novamente posuír un mundo propio ateigado de ideas e sensacións. Gozar desta obra é unha experiencia atípica: a súa historia non responde a ningún tipo de canon e hai que lela coas súas notas ao final do libro (notas en forma de cómic, loxicamente) para entender todo o seu sentido. Precisa que quen o lea se deixe levar a un escenario entre o soño e o mito, cunha fantasía evocadora e asemade inserida na brutalidade. Narración nada compracente, pode ter unha aparencia caramelizada pero contén entre os seus ingredientes o medo que nos leva directamente a certos pesadelos. H. T.


En El jardín armado y otras historias, de David B., o elemento mítico pasa a ter unha importancia primordial, como ocorre noutras obras deste autor francés, tanto nos universos mentais contemporáneos (La ascensión del gran mal [recompilada posteriormente nun único tomo co título de Epiléptico]) como nos da antigüidade ou o medievo (Los buscadores de tesoros). Partindo de feitos históricos relacionados con seitas heréticas (do islam a primeira parte, co Profeta Velado Al-Muquanna; do cristianismo a segunda e a terceira, cos adamitas e os husitas), David B. traza con precisión tres contos que exploran toda a simboloxía de épocas pretéritas. É unha viaxe polo imaxinario do pasado grazas a unha linguaxe, a da BD, que permite unha inmersión que ningunha outra arte conseguiría. O emprego de estéticas que evocan culturas afastadas no tempo, unha narrativa case hipnótica e uns argumentos que conectan co noso lado máis ancestral conseguen o resto. H. T.

P. S. De Aventuras de Cacauequi fixen tamén outro comentario, máis extenso, na miña columna de CulturaGalega.org do 7/5/2008, que pode lerse aquí.

12/08/09

, ,

BD no ‘Viralatas’ n.º 3

E, como dicía no anterior post, este número de agosto-setembro de Viralatas —que, insisto, pode baixarse enteiro en formato pdf desde aquí— tamén inclúe a miña sección de banda deseñada, con catro títulos destacados entre novidades e non só.

Dándole vueltas
Frederik Peeters

Peeters é moito máis que o autor de Píldoras azules; é dicir, esa —polo demais magnífica— obra deste prolífico suízo non esgota, en absoluto, o seu abano temático, nin ter tocado unha cuestión tan sensíbel en primeira persoa é o único mérito do seu traballo. Peeters sabe narrar de forma maxistral, é un creador de BD nato, excepcional, e iso fica demostrado en Constellation, en Lupus, en Koma, en R. G. ou neste Dándole vueltas, recompilación de traballos publicados previamente en revistas como Bile Noire ou Lapin. É tan extenso o seu rexistro que é probábel que moitos lectores gusten dunhas historias e en cambio non doutras: el non se conforma cos terreos coñecidos, e procura a exploración doutros novos, e vai así do humor negro á fantasía experimental, pasando mesmo pola reportaxe en forma de cómic, e, tamén, pola reflexión autobiográfica. Até hai variación nas técnicas e os estilos visuais. Se os relatos do volume teñen un punto en común, ese é a mestría que destilan. H. T.


Calles contadas
Juan Berrio

Proxecto persoal do seu autor, publicado por el mesmo nunha coidada edición, o último traballo do valisoletano Juan Berrio segue fiel a unha forma de entender o cómic e a ilustración como unha combinación de elementos como o cotián, as pequenas historias, o detalle, a casualidade, certa filosofía da sinxeleza. Neste caso, apostando aínda máis por unha ollada inxenua e amábel, que lembra a de artistas como Raymond Peynet cos seus namorados, sen que esa inxenuidade ou esa amabilidade signifiquen en ningún momento banalidade, senón a reivindicación dun modo de contar as cousas en que caben os xogos de palabras sen segundas intencións e os sketches visuais de ton clásico. O libro componse dunha serie de micronarracións —en secuencia coas páxinas do libro— unidas polo espazo urbano en que se localizan, verdadeiro protagonista da historia. Aínda que non é fácil de encontrar, pode comprarse en librarías especializadas galegas ou pedirse a Berrio a través da rede. Vale a pena o esforzo. H. T.


Harry Pórrez y el as en la manga de Condemort
Vergara/Víctor Rivas/Enriquecarlos
Que afortunadamente hai herdeiros para o mellor da escola Bruguera demóstrao a obra de Bernardo Vergara, quen, tanto na súa faceta de autor total como na de guionista, sabe adaptar aos nosos tempos ese tipo de humor característico. E sabe facelo propio, sen caer nunha simple imitación ou pastiche, mesmo cando se trata de facer unha parodia, como é o caso. Vergara acompañouse na serie Harry Pórrez dos debuxantes Enriquecarlos —que a deixou durante a súa publicación na revista Mister K— e Víctor Rivas —galego xa veterano no mundo da BD, que a retomou con acerto—. Dous estilos diferentes, que achegan matices distintos a unha serie que se le con fruición. O brío do primeiro é complementado polo talento na creación de espazos do segundo. Malia ser unha caricatura das historias do celebérrimo mago, os personaxes están tratados con cariño, e as tramas, que seguen inicialmente o modelo de J. K. Rowling, axiña logran camiños propios, sen cansar dentro dun estilo necesariamente reiterativo. H. T.


Hacer cómics
Scott McCloud

A presenza de McCloud no Viñetas desde o Atlántico sérvenos de perfecta escusa para falar sobre o seu libro, que complementa, ao igual que o fixera La revolución de los cómics, o fundamental Entender el cómic: el arte invisible. Naturalmente, non hai por que estar ao cento por cento de acordo coas teorías deste autor, mais as súas obras son sempre unha bafarada de aire fresco. Pensar a BD desde o propio medio: esa é a clave deste estadounidense —asinante tamén da recentemente recuperada obra de ficción Zot!—, que, apoiado nunha estudada narrativa, consegue expor as súas ideas de forma efectiva e clara, e asemade amena e divertida. Esa destreza en mostrar argumentos en forma de cómic fixo que Google lle encargase a BD de presentación do seu navegador Chrome, por exemplo. As súas explicacións sobre como facer un cómic non só servirán a quen queira iniciarse nesta arte de forma activa, senón a toda persoa que procure comprender mellor os mecanismos internos da narrativa secuencial. H. T.

10/08/09

, ,

Cinema 3D

No número deste mes —na realidade, o correspondente aos meses de agosto e setembro— da revista Viralatas, á parte da miña sección de recensións de BD, colaboro cun artigo sobre o cinema 3D dixital, novidade a que xa podemos acceder en varias das salas galegas.
A miña idea era afrontar o tema do cinema en relevo non desde o punto de vista simplemente descritivo (que tamén fai falta, porque aínda non se sabe moito acerca do asunto) senón, sobre todo, creativo: é un avance ou pode ser un atranco á hora de contar historias o feito de teres que estar pensando en sacar cousas fóra da pantalla para satisfacer as ansias de espectáculo do público?
A verdade é que non teño moitas oportunidades de escribir sobre cinema, outra das miñas grandes paixóns, así que quedei moi contento de poder facelo, e ademais sen limitacións de espazo.
Como xa comentei noutro post, a revista pode conseguirse gratuitamente en moitos bares, cafés, tendas de discos e similares das sete cidades galegas, pero tamén pode verse en formato pdf a través da web (son 5,55 Mb). O artigo en cuestión pode lerse nas páxinas 24 a 26.

E xa que estamos, aproveito para recomendar Up, unha nova demostración do poder creativo e cinematográfico de Pixar, dirixida nesta ocasión por Peter Docter (que xa o fixera en Monstros, SA e que coescribira parte dos títulos da casa). Vina por fin onte (en versión 3D), e é para quitar o sombreiro. Hai, novamente, pouso dos grandes clásicos —antigos e modernos: encontramos desde pingas do Capra de It’s a Wonderful Life (esa parella que non logra cumprir o seu soño dourado de viaxar) até tonalidades e claves propias de Miyazaki (as escenas de voo e de nubes; os créditos finais, en que vemos imaxes do que sucede despois de acabada a historia). É unha coidada mestura de tenrura, humor —eu rin a cachón—, drama —tamén me emocionou e me humedeceu os ollos— e aventura. Demostra amor polo cinema, e respecto polo espectador; a espectacularidade —que a ten, e moita— está moi ben medida: a verdadeira sensación de espectáculo lógrase por contraste entre escenas calmas e escenas de acción (se todos os planos fosen «espectaculares» a sensación perderíase aos dez minutos; é como a vida mesma: se non houbese momentos infelices, non saberiamos o que é a felicidade).
Precisamente, é moi curioso que, aínda que o filme é un éxito, non vai cumprir as expectativas de moitos que vaian buscando os «efectos 3D»: souberon dosificalos tan ben, adaptalos tanto para non interferiren na historia, senón para a complementaren, que moitos non os van notar; de feito, non hai cousas que saian da pantalla: para que, se non fai falta? Todos os efectos están baseados en xogar coa profundidade, e vaia se o conseguen. Oxalá unha de cada cen fitas 3D vaia ser así.
, ,

‘Grafismos’, en CulturaGalega.org


A semana pasada saíu publicada unha nova entrega da miña colaboración bimestral con CulturaGalega.org —o portal do Consello da Cultura Galega—: a columna «Entre as viñetas». Como o propio título indica, os temas sempre versan sobre banda deseñada; procuro que o enfoque sexa divulgativo, e, ao mesmo tempo, comentar neses 3000 caracteres que teño de límite cousas de interese para a xente xa metida no mundo na arte nona.
Nesta ocasión (a número vinte e seis), volvo darlle voltas a detalles que, talvez por seren tan evidentes, acaban pasando desapercibidos mesmo para os afeccionados. Por exemplo, a importancia da parte gráfica da banda deseñada, que crea filias e fobias tanto para aqueles que se achegan por vez primeira como para os xa experimentados.
Un tema semellante tocaba, precisamente, hai un ano, cando reflexionaba sobre a dificultade de narrar sen palabras. Para acceder ao resto das columnas de «Entre as viñetas» publicadas até o de agora, basta con acceder a esta páxina.