Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

28/12/11

, , ,

‘Os futuros da BD no dixital’, en CulturaGalega.org

Hoxe sae publicada a miña nova columna para CulturaGalega.org. Os grandes cambios que paseniñamente (ou non tanto) vai producindo o asentamento do libro dixital son, de novo, obxecto da miña reflexión. Sendo como son un amante da BD e da animación, non acabo de entender por que hai quen considera que, nos tempos actuais, todo ten que estar animado, e que por iso unha ilustración (ou viñeta) inmóbil é un atraso.

Non sei se é razoar algo que é obvio por si propio (non todas as ilustracións poderían ser animadas, non ían ter sempre o mesmo sentido sen movemento que con el, o tempo interno dunha ilustración ou dunha viñeta non é sempre reproducíbel nun tempo real...), mais habendo opinadores influentes dicindo o contrario, supoño que non está de máis facer uns apuntamentos ao respecto. O artigo pode lerse aquí. E todos os anteriores, nestoutra ligazón.

19/10/11

, ,

‘En positivo’, en CulturaGalega.org

A miña columna de hoxe para CulturaGalega.org, baixo o título En positivo, afonda na temática iniciada na anterior entrega: os novos tempos da BD galega —en xeral, tan bos, a pesar de que a crise e os recortes dean algúns desgustos— traen tamén consigo a necesidade de revisión de moitas prácticas e inercias adquiridas co tempo. Algo no que tamén incidín no artigo que fixen para o recente número 18 d’O Fanzine das Xornadas —a miña única colaboración este ano, xa que é primeiro número que non coordinei—, en que reflexionaba sobre o momento de mudanzas polo cal pasan as propias Xornadas, que este ano estiveron a piques de desaparecer (e que, no entanto, parecen ter agora visos de novos pulos mediante un novo proxecto presentado o pasado día 7). O artigo d’O Fanzine pode lerse aquí, nas páxinas 4 e 5 (PDF, 5,29 Mb).

Pola súa parte, desde aquí pode accederse ás anteriores columnas da sección «Entre as viñetas».

03/08/11

, ,

‘A vizosa BD galega’, en CulturaGalega.org

A sección de opinión do portal CulturaGalega.org recolle hoxe unha nova entrega da miña columna «Entre as viñetas».

Estas últimas semanas colaborei nos labores de edición de tres obras de BD que constitúen as novidades de Demo Editorial (a iniciativa que dirixe o bo amigo Manel Cráneo) para este verán: Cabana de Balieiros, de Tokio; A man do diaño, de Brais Rodríguez, e Punto de fuga, de Miguel Cuba. Da súa lectura e mais das dos últimos traballos de David Rubín e Jacobo Fernández Serrano —unido isto ao coñecemento duns cantos proxectos máis en distintas fases de desenvolvemento— xorde un artigo que non oculta un aquel de celebración polos logros máis que evidentes do cómic feito por autores galegos nestes últimos anos.

O título é A vizosa BD galega, e pode lerse aquí.

Por se houber alguén interesado, pode accederse ás anteriores columnas de «Entre as viñetas» desde estoutra ligazón.

26/05/11

, , , , ,

‘Translacións entre medios’, en CulturaGalega.org

A nova entrega da miña columna «Entre as viñetas», co título de Translacións entre medios, aparece hoxe en CulturaGalega.org. Nesta ocasión, volvo tocar o tema das relacións entre cinema e banda deseñada, visto que o panorama foi cambiando bastante nos últimos anos. Entre os filmes de Tintín dos anos sesenta e a triloxía que preparan Spielberg e Jackson hai un abismo difícil de prever mesmo hai cinco anos, cando tratei o tema na mesma columna; considerei, por tanto, que había razóns para volver sobre o asunto.

Xúntanse así de novo dous dos meus temas favoritos, que tratei neste tempo tamén na que até agora é a miña última incursión radiofónica, o programa A lanterna máxica, dirixido por Óscar Losada na Radio Galega; entre 2006 e 2009 tiven alí unha colaboración mensual en que falabamos destes cruzamentos, cada vez máis numerosos, entre as dúas artes, e puiden ir constatando todas estas mudanzas que apunto no artigo de hoxe.

As anteriores columnas de «Entre as viñetas» poden lerse nesta ligazón.

[A propósito, na portada de hoxe de CulturaGalega.org aparece tamén a Guía AGPI Ilustración 2011, que coordinei cos compañeiros da AGPI e que pode ser consultada en liña gratuitamente desde ese mesmo sitio web.]

16/03/11

, , ,

‘Benito Losada’, en CulturaGalega.org

A miña columna «Entre as viñetas», en CulturaGalega.org, dediqueilla hoxe a Benito Losada, compañeiro de proxectos durante vinte anos, amigo e mestre, que nos deixou recentemente. Quédanos, e iso é o que hai que pensar, a súa obra, o seu legado, que non por non ser un autor propiamente dito deixa de ser importante, nin moito menos. Afortunadamente, como digo no artigo, Benito recibiu varios merecidos recoñecementos nos últimos anos, e non é agora cando comezan as loanzas. Quixen recuperar para este post, en lugar da habitual captura de pantalla da columna na web, a miña contribución á homenaxe que lle rendemos no ano 2001, co libro Benito Losada: vintecinco anos de labor cultural en Ourense (1975-2000). Esta caricatura (lonxe do retrato, que nunca se me deu ben) buscaba representar, en clave de humor —o humor era unha das características que definían o seu modo de ser—, o carácter polifacético de Benito.

Creative Commons License
‘Equilibrismo cultural’ by Henrique Torreiro is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España License. Permissions beyond the scope of this license may be available at http://htorreiro.blogspot.com.

05/01/11

, , ,

‘A propósito das Cantigas’, en CulturaGalega.org

A nova entrega da miña columna «Entre as viñetas», que vén aparecendo cada cousa de dous meses en CulturaGalega.org, dedícase nesta ocasión a unha certa polémica provocada con motivo da exposición que sobre as Cantigas de Santa María (na súa parte ilustrada) preparou Breixo Harguindey para o pasado Salón de Cangas.
A min persoalmente resultoume sorprendente cando hai anos tiven coñecemento desta parte das Cantigas; parte que, polo menos na miña impresión, sempre quedara oculta pola estritamente textual e musical da obra. Aínda que poida parecer esaxerado, para min era pouco menos que conseguir un filme rodado nesa época; mentres isto era (loxicamente) imposíbel, resulta que a banda deseñada (substitúase por ‘arte narrativa’ ou polo que se prefira, segundo os escrúpulos metodolóxicos de cada un) si era perfectamente factíbel nese momento histórico. Quizá por iso me resultou especialmente ingrato ver críticas (aínda que sexa de forma indirecta) a alguén que tenta poñer luz sobre estas páxinas, especialmente porque esas críticas están feitas de forma (eu creo) moi mal argumentada, até o punto de que acusar así os demais de cometeren dislates é en si mesmo outro auténtico disparate. Neste tema, claramente, difiro de Pepo Pérez, cuxo blog tantas veces teño aconsellado.
A miña columna, en fin, está dispoñíbel aquí.