Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

22/02/16

, , , ,

‘A LONGA HISTORIA DA BD’


[Tiña pendente de publicar este artigo, pensado inicialmente para outro lugar. Disque máis vale tarde... — Versión en castellano al final del ‘post’]

A longa historia da BD
Henrique Torreiro

A humanidade ten usado as narracións gráficas desde antigo, mais non necesariamente dentro dunha liña evolutiva concreta 

O libro Narraciones gráficas — Del códice medieval al cómic, de Roberto Bartual (Factor Crítico, 2014), supón unha moi interesante achega á comprensión da banda deseñada como disciplina integrada nunha serie de tradicións artísticas e narrativas moito máis antigas do que usualmente imaxinamos. Chámese «banda deseñada», «arte secuencial» ou «narracións gráficas», o importante é o caudal en que se insire esta disciplina (ou todas estas disciplinas), que nos permite un novo achegamento, seguramente insospeitado para moitos, ás máis diversas épocas do noso pasado.

O feito de iren aparecendo este tipo de obras, que conseguen ir dando unha maior perspectiva, desde o ámbito investigador, aos esquemas estabelecidos da arte e das manifestacións culturais en xeral —só aparentemente estancas— ten que ser recibido con satisfacción. A obra de Bartual engade matices a esta historia da narrativa gráfica (como a relativización do seu emprego no Antigo Exipto), e percórrea coa intención declarada de facer só un moi lixeiro itinerario, un bosquexo para futuros estudos máis profundos, con exemplos que poden marcar determinados fitos nunha «evolución» cara á novela gráfica.

Cuestións evolutivas

Non obstante, hai moitos posibles fitos desas «evolucións» das narrativas gráficas —«vaivéns», di Antonio Altarriba na introdución do libro— que quedan fóra da análise. Non se citan prolegómenos de culturas non occidentais (como os antecedentes xaponeses do manga), mais tampouco camiños transitados polo cómic (nunha época en que os seus autores xa eran plenamente conscientes do termo) que ficarían fóra da simplificación «BD industrial fronte a BD autoral», o que dentro desa liña continua se fai especialmente evidente ao seren casos cunha clara influencia na historia moderna do medio. Bartual parece escoller aqueles exemplos que mellor lle acaen a unha teoría evolutiva semellante á de Santiago García en La novela gráfica.

Así, a parte final do libro fai que o espírito da obra acabe traizoándose un pouco. Ao tratar de albiscar camiños futuros para a narración gráfica, Bartual sitúaos no emprego doutros «modelos narrativos propios do cómic», como a tira ou a páxina dominical, co que a pretendida evolución se pecha sobre si mesma cunha volta atrás dificilmente explicábel. Que esa ollada atrás teña producido obras importantes con nomes tan irreprochábeis como o de Chris Ware non é un argumento suficientemente sólido.

En realidade, penso que o grande avance das últimas décadas está en como se foron derrubando fronteiras e comezaron a ter cabida todo tipo de aproximacións á narrativa gráfica. Abríronse novas posibilidades mais non se pecharon as xa existentes. Talvez ten habido en realidade máis cambios no público lector que na BD en si mesma. Esa pode ser a «evolución» real: ter conseguido diminuír, aínda que sexa minimamente, os nosos propios prexuízos sobre as formas de expresión e gozar de todas elas un pouco máis e con maior visión de conxunto.

Ligazóns de interese:
• Primeiras páxinas do libro Narraciones gráficas nun extracto promocional
• Vídeo da conferencia de Antonio Altarriba «El arte de contar», sobre os antecedentes históricos da BD, no Consello da Cultura Galega (febreiro de 2012)
• Columna de «Entre as viñetas» sobre o libro ‘La novela gráfica’
• Outra columna de «Entre as viñetas» sobre a historia da BD
• Columna de «Entre as viñetas» acerca da revalorización das fontes gráficas


10/02/16

, ,

‘CORUÑA GRÁFICA’

O mes pasado presentábase a publicación Coruña Gráfica, desenvolvida polo concello e mais a deputación da Coruña. O proxecto foi impulsado e dirixido por Manel Cráneo, que contou comigo para a coordinación técnica, e tamén para escribir un dos breves textos introdutorios do volume.

Como aínda non hai versión en liña do catálogo —a previsión é que si a haxa en breve—, pedín permiso para transcribir ese artigo aquí (incluyo la versión en castellano al final del post).

[E como antecedente explicativo dos cambios que están a sucederse estes últimos anos arredor do mundo da ilustración, recupero tamén un extracto da introdución que preparei para a mesa redonda que constituíu o acto central do primeiro Día da Ilustración, en xaneiro de 2014; pode lerse aquí, en formato PDF.]

O pulo da ilustración coruñesa actual

É evidente o potencial numérico da ilustración coruñesa, mais tamén o destacabilísimo nivel da obra gráfica que ofrece. Aínda que resulte tópico, unha das formas de obxectivar esta segunda afirmación está, precisamente, na cantidade destes e destas profesionais que están a triunfar en mercados internacionais moi esixentes, en calquera dos ámbitos (desde a ilustración entendida no seu concepto máis tradicional ata a banda deseñada e a animación). A Coruña é hoxe un dos focos de atención da ilustración. Tanto é así que mesmo hai uns cantos exemplos importantes de autores e autoras vidos non só doutras partes de Galicia, senón do resto do Estado.

Se nos preguntamos o porqué desta vitalidade, o que está a pasar na Coruña enmárcase nun proceso xeral nesta parte do mundo, especialmente no ámbito peninsular e estatal. En moi poucos anos, deixamos atrás un estado de cousas en que non só era que a ilustración fose unha manifestación cultural case descoñecida socialmente, senón que os seus propios profesionais vivían illados sen teren unha consciencia real de grupo. Por iso non é esaxerado dicir que un dos factores de cambio foi a creación, a comezos deste século, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. A isto hai que engadir, naturalmente, a existencia de internet e, con ela, das redes sociais. O contacto con outros membros da profesión foi facéndose progresivamente máis amplo, e este factor tamén explica parcialmente os maiores coñecementos técnicos, co intercambio de consellos a través de foros electrónicos, e o fácil acceso a páxinas e vídeos explicativos das máis diversas formas de producir ilustracións; o autodidactismo é cada vez máis relativo. Con todo, a este respecto a importancia das escolas de arte e as facultades de belas artes é innegable. É difícil explicar se a relación concreta deste feito coa explosión creativa que vive a ilustración responde a unha focalización xeneralizada dos intereses persoais nunha fórmula de «arte aplicada e autoral», se a creatividade antes se canalizaba doutras formas ou se é que agora realmente hai máis creatividade. Porén, a crise económica tivo seguramente tamén algo que ver, como contrapartida de todo o negativo que trouxo consigo: ante a imposibilidade real de exercer algunhas profesións antes consideradas economicamente seguras, abriuse para moitas persoas a posibilidade de dedicarse —ou polo menos intentalo— a aquilo que realmente as motivaba e que noutras circunstancias non se atreverían a probar.

O certo é que a valoración de todo o gráfico está hoxe, afortunadamente, en auxe na nosa sociedade, como resultado dunha serie de pezas que foron engrenándose paseniñamente. Algúns cambios que xa se perciben na sociedade semellan difíciles de desfacer. A ilustración xa non está ligada só á literatura infantil, e ten, polo menos en parte das súas manifestacións, certo status de «arte maior». Seguindo o ronsel da crecente aceptación social da banda deseñada baixo a etiqueta de «novela gráfica», cada día é máis común o libro ilustrado concibido directamente para público adulto. A animación comezou a ser tamén un medio de expresión dirixido a públicos de todas as idades, e os seus modos de produción permiten abordar proxectos sen necesidade de investimentos exorbitados. Alén diso, a ilustración de autor chega tamén ao téxtil e ao deseño de produto, e reforza a súa presenza en prensa tradicional e dixital, ao tempo que os ilustradores son cada vez máis axentes activos na produción das súas obras, e non só receptores de encargos. Oxalá ademais as condicións económicas da profesión de ilustrador melloren para que todos os logros destes anos poidan asentarse de forma definitiva.