Copyrights @ Journal 2014 - Designed By Templateism - SEO Plugin by MyBloggerLab

04/10/16

, , , ,

‘EL BOSCO’, DE MARCEL RUIJTERS


[Texto en castellano debajo]

Marcel Ruijters foi un dos habituais participantes na Expofanzines de Ourense, e no primeiro número d’O Fanzine das Xornadas publicáronse, en versión galega, varias páxinas da súa serie Dr Molotow, no que creo que debeu de ser a súa primeira edición nalgunha das linguas peninsulares. Publicar en holandés probablemente dificultou a difusión internacional das súas obras, mais o certo é que tamén ten publicado varias traducións no mercado anglosaxón e aínda así apenas entrara no do español e o portugués (si houbo polo menos unha edición do seu Trogloditas en Edições Polvo en 2001, e outra da súa adaptación do Inferno de Dante pola Mmmnnnrrrg en 2012). Por iso levei unha grata sorpresa cando souben, non sen certo atraso, que había unha obra súa editada en castelán, curiosamente posta no mercado español por unha editora colombiana.

Coñecendo os rexistros gráficos que ten practicado Ruijters, especialmente nas súas obras máis experimentais, non resulta nada estraño o seu interese pola obra do pintor Jeroen van Aken, alcumado Jheronimus Bosch, artista único dese momento límite entre a Idade Media e a Moderna. Non obstante, este libro vai moito máis alá do que podería chegar a entenderse como un tributo a certas fontes e inspiracións gráficas (a arte medieval en xeral), e resulta un achegamento ficcionado de primeira orde ao xenial artista neerlandés moi ben articulado narrativamente. El Bosco (Jheronimus, no seu título orixinal) é unha novela gráfica fortemente documentada, produto de catro anos de traballo, que resulta ideal para aproximarse ao artista na súa sociedade, nun retrato íntimo que non cae nin na biografía de tipo haxiográfico nin no didactismo. A pesar de estar ateigada de múltiples referencias que axudan a dotar de verismo e profundidade a contextualización da historia que conta, estas non chegan a atrancala ou a restar comprensión ao lector que non saiba interpretalas no momento en que aparecen: constitúen unha sorte de segundo nivel de lectura que enriquece o primeiro sen estorbar unha lectura fluída. Ruijters tamén aborda o proceso creativo do pintor e mesmo desmonta razoadamente algúns mitos historiográficos creados ao seu redor (resulta moi recomendable a ese respecto esta entrevista realizada por Paul Gravett).

O retrato da Europa urbana tardomedieval que fai o libro non pode ser máis demoledor, e axuda a comprender o imaxinario pictórico de Jheronimus Bosch. O estilo gráfico de Ruijters, que pode sorprender a quen non o coñeza polo seu uso extensivo da caricatura feísta, funciona á perfección desde a primeira páxina para unha narración que se podería definir como naturalista, aínda que non dubide tampouco en mesturar soños e alucinacións nos momentos precisos.

Podemos dicir que a novela gráfica El Bosco é o contrapunto perfecto a El tríptico de los encantados, de Max. Mentres este optou por un (magnífico) achegamento, case minimalista, ao pintor desde os temas e as obsesións rastrexables na súa obra —é dicir, dunha perspectiva netamente imaxinaria—, Ruijters fixo un auténtico tratado do (posible) lado humano do artista, aínda que sen esquecer a súa vertente fantástica, irrenunciable nun caso como o de Jheronimus Bosch. Vale a pena ler conxuntamente as dúas obras; non é casualidade que Max inclúa de forma explícita na bibliografía do seu libro a edición inglesa desta novela gráfica de Ruijters.

Marcel Ruijters: El Bosco, Rey Naranjo Editores, 2016. 19,90 euros